O Concello puxo en marcha os traballos a elaboración da estratexia de mellora do espazo urbano de Carballo e a súa mobilidade. Onte, o alcalde, Evencio Ferrero, formalizou o contrato coa UTE formada polas empresas Iplan Movilidad e Tema Ingeniería que se encargará de realizar estes traballos e inmediatamente despois puxéronse mans á obra, nunha reunión na que participaron, ademais do rexedor, as persoas de referencia por parte do Concello carballés que intervirán na elaboración do plan de mellora do espazo urbano de Carballo: a concelleira de Planificación Urbana e Mobilidade, Milagros Lantes; o xefe da Policía Local, Roberto Mosquera, e o arquitecto municipal, Alfredo Garrote.
Ademais da primeira toma de contacto, esta primeira reunión serviu para marcar o que serán as liñas de traballo a seguir durante o proceso que non rematará ata o outono de 2018..
Estratexia básica
No encontro, os representantes da empresa explicaron que en dúas semanas pasarán o documento base do que será a estratexia de traballo para Carballo. A partir de aí, comezarán coa elaboración do diagnóstico detallado da situación actual do municipio.
Nesta primeira fase analizaranse os patróns actuais de toda a mobilidade rodada (tráfico pesado, coches, bicicletas) e da peonil; a situación do transporte público interurbano, cos percorridos, as paradas e as liñas; a incidencia na mobilidade das infraestruturas realizadas e proxectadas e todas as actuacións realizadas polo Concello en materia de accesibilidade (humanización de rúas, Pedibús, Metrominuto).
O diagnóstico incluirá, ademais, as matrices de mobilidade e un modelo dixital da situación actual do tráfico na estrada comarcal, a travesía de Malpica, a estrada de Razo, o viario de Santiago, a avenida da Milagrosa ou a Gran Vía que permita introducir, posteriormente, as alternativas propostas. Unha vez que estea elaborado este diagnóstico, a información porase en coñecemento dos cidadáns que terán moito que dicir no que será a xestión do espazo urbano e na mobilidade de Carballo nos próximos anos.
Participación
A participación cidadá é clave neste proxecto porque sobre o diagnóstico consensuado proporanse as medidas para adoptar. As propostas deben estar dirixidas a mellorar o espazo público, os indicadores ambientais (ruído, emisións á atmosfera ou consumo enerxético) e a mobilidade sostible, priorizando a mobilidade peonil, en bicicleta e en transporte público, sobre a circulación en vehículos privados no centro urbano.
Todas estas propostas deberán someterse, novamente, á valoración dos veciños. Sobre as súas opinións crearase o que será o plan director que conterá o deseño do espazo urbano e da mobilidade no municipio e, en especial, no centro urbano, así como os investimentos.