A Xunta de Goberno Local aprobou a adxudicación da redacción do plan de mobilidade urbana sostible, que executará a unión temporal de empresas formada por Tema Ingeniería e Iplan Movilidad.
O plan de mobilidade deberá conter un diagnóstico da situación de partida do municipio, definir escenarios de futuro e deseñar plans de actuación que sirvan para cumprir os obxectivos que establece o Concello. O documento deberá incluír unha xerarquización e características do viario, a oferta de estacionamento, a rede de transporte público existente e itinerarios peonís e ciclistas máis usados. O plan de mobilidade tamén deberá recoller os fluxos de vehículos de mercadorías perigosas. A unión temporal de empresas formada por Tema Ingeniería e Iplan Movilidad será a encargada de realizar este documento por un importe de 49.000 euros.